martes, 12 de mayo de 2015

O postre galego por excelencia na Ascensión 2015

Por fin chegaron as Festas da Ascensión e Santiago vístese coas mellores galas para que, dende hoxe e ata o 17 de maio, xentes de aquí e de acolá disfruten da cidade, do ambiente, da troula e das tradicións.



Dende a Queixería Prestes queremos contribuír a facer un pouco máis grandes estas festas, fondamente arraigadas na cidade e na súa contorna. Para contribuír a espallar as tradicións da nosa terra, queremos promocionar o Requeixo, sen dúbida o postre galego por excelencia.

Se estes días vos pasades pola nosa tenda, ubicada na rúa Calderería número 27, en pleno casco histórico da cidade, poderedes degustar o requeixo, servido no momento, frío e acompañalo con mel ou azucre. Poderedes ir coméndoo tranquilamente pola rúa  servido nun vasiño moi especial. E o mellor, só por 1 euro. Se preferides levar este sabedeiro postre ás vosas casas para que o proben amigos e coñecidos, tamén dispoñemos dunhas terrinas que poderedes mercar na propia tenda.



HISTORIA DO REQUEIXO

O queixo en Galicia ten unha grande tradición. Todo o mundo escoitou falar dos catro grandes queixos galegos: Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro, todos eles con Denominación de Orixe. Mais o catálogo de grandes queixos galegos non remata aí e hoxe queremos darvos a coñecer a grandeza do Requeixo, un produto claramente diferenciado do resto.

Tradicionalmente, o requeixo elaborábase na casa, para uso propio ou como agasallo ‘para amigos, parentes e autoridades, é dicir, o cura, o alcalde, o veterinario, o médico, o cacique, co que sempre o campesiño se sentía en débeda, por moito que sempre pagaran os seus servizos’, tal e como se relata no blog Colineta.

A elaboración doméstica comezaba co callado do leite por medio de temperatura. Poñíase o leite nunha ola que se situaba nun lugar quente da cociña, deixándoa callar por efecto da calor e os microorganismo do propio leite. Actualmente, na nosa fábrica empregamos o mesmo principio, pero por medio de modernos tanques de aceiro inoxidable que garanten a calidade do leite crú que empregamos en todos os nosos queixos.



En Prestes elaboramos dende hai tempo un Requeixo moi especial. De cor branca, sabor suave e cunha textura branda e granulosa, é ideal para comer de postre misturado con froita ou froitos secos e, igualmente, en pratos salgados como recheo de lasaña ou raviolis.


Como se trata dun queixo fresco e non ten proceso de maduración, a súa porcentaxe de auga é elevada, e o seu aporte de graxas, polo tanto, é baixo. Por iso, está recomendado para dietas baixas en graxas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario