Por fin chegaron as Festas
da Ascensión e Santiago vístese coas mellores galas para que, dende hoxe e
ata o 17 de maio, xentes de aquí e de acolá disfruten da cidade, do ambiente,
da troula e das tradicións.
Dende a Queixería
Prestes queremos contribuír a facer un pouco máis grandes estas festas,
fondamente arraigadas na cidade e na súa contorna. Para contribuír a espallar
as tradicións da nosa terra, queremos promocionar o Requeixo, sen dúbida o postre galego por excelencia.
Se estes días vos pasades pola nosa tenda, ubicada na rúa Calderería número 27, en pleno casco
histórico da cidade, poderedes degustar o requeixo, servido no momento, frío e
acompañalo con mel ou azucre. Poderedes ir coméndoo tranquilamente pola
rúa servido nun vasiño moi especial. E o
mellor, só por 1 euro. Se preferides
levar este sabedeiro postre ás vosas casas para que o proben amigos e
coñecidos, tamén dispoñemos dunhas terrinas que poderedes mercar na propia
tenda.
HISTORIA DO REQUEIXO
O queixo en Galicia ten unha grande tradición. Todo o mundo
escoitou falar dos catro grandes queixos galegos: Tetilla, Arzúa-Ulloa, San
Simón da Costa e Cebreiro, todos eles con Denominación de Orixe. Mais o
catálogo de grandes queixos galegos non remata aí e hoxe queremos darvos a
coñecer a grandeza do Requeixo, un
produto claramente diferenciado do resto.
Tradicionalmente, o requeixo elaborábase na casa, para uso
propio ou como agasallo ‘para amigos, parentes e autoridades, é dicir, o cura,
o alcalde, o veterinario, o médico, o cacique, co que sempre o campesiño se
sentía en débeda, por moito que sempre pagaran os seus servizos’, tal e como se
relata no blog Colineta.
A elaboración doméstica comezaba co callado do leite por
medio de temperatura. Poñíase o leite nunha ola que se situaba nun lugar quente
da cociña, deixándoa callar por efecto da calor e os microorganismo do propio
leite. Actualmente, na nosa fábrica empregamos o mesmo principio, pero por
medio de modernos tanques de aceiro inoxidable que garanten a calidade do leite
crú que empregamos en todos os nosos queixos.
En Prestes elaboramos dende hai tempo un Requeixo moi
especial. De cor branca, sabor suave e cunha textura branda e granulosa, é
ideal para comer de postre misturado con froita ou froitos secos e, igualmente,
en pratos salgados como recheo de lasaña ou raviolis.
Como se trata dun queixo fresco e non ten proceso de
maduración, a súa porcentaxe de auga é elevada, e o seu aporte de graxas, polo
tanto, é baixo. Por iso, está recomendado para dietas baixas en graxas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario