Mostrando entradas con la etiqueta queixo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta queixo. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de mayo de 2015

O postre galego por excelencia na Ascensión 2015

Por fin chegaron as Festas da Ascensión e Santiago vístese coas mellores galas para que, dende hoxe e ata o 17 de maio, xentes de aquí e de acolá disfruten da cidade, do ambiente, da troula e das tradicións.



Dende a Queixería Prestes queremos contribuír a facer un pouco máis grandes estas festas, fondamente arraigadas na cidade e na súa contorna. Para contribuír a espallar as tradicións da nosa terra, queremos promocionar o Requeixo, sen dúbida o postre galego por excelencia.

Se estes días vos pasades pola nosa tenda, ubicada na rúa Calderería número 27, en pleno casco histórico da cidade, poderedes degustar o requeixo, servido no momento, frío e acompañalo con mel ou azucre. Poderedes ir coméndoo tranquilamente pola rúa  servido nun vasiño moi especial. E o mellor, só por 1 euro. Se preferides levar este sabedeiro postre ás vosas casas para que o proben amigos e coñecidos, tamén dispoñemos dunhas terrinas que poderedes mercar na propia tenda.



HISTORIA DO REQUEIXO

O queixo en Galicia ten unha grande tradición. Todo o mundo escoitou falar dos catro grandes queixos galegos: Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro, todos eles con Denominación de Orixe. Mais o catálogo de grandes queixos galegos non remata aí e hoxe queremos darvos a coñecer a grandeza do Requeixo, un produto claramente diferenciado do resto.

Tradicionalmente, o requeixo elaborábase na casa, para uso propio ou como agasallo ‘para amigos, parentes e autoridades, é dicir, o cura, o alcalde, o veterinario, o médico, o cacique, co que sempre o campesiño se sentía en débeda, por moito que sempre pagaran os seus servizos’, tal e como se relata no blog Colineta.

A elaboración doméstica comezaba co callado do leite por medio de temperatura. Poñíase o leite nunha ola que se situaba nun lugar quente da cociña, deixándoa callar por efecto da calor e os microorganismo do propio leite. Actualmente, na nosa fábrica empregamos o mesmo principio, pero por medio de modernos tanques de aceiro inoxidable que garanten a calidade do leite crú que empregamos en todos os nosos queixos.



En Prestes elaboramos dende hai tempo un Requeixo moi especial. De cor branca, sabor suave e cunha textura branda e granulosa, é ideal para comer de postre misturado con froita ou froitos secos e, igualmente, en pratos salgados como recheo de lasaña ou raviolis.


Como se trata dun queixo fresco e non ten proceso de maduración, a súa porcentaxe de auga é elevada, e o seu aporte de graxas, polo tanto, é baixo. Por iso, está recomendado para dietas baixas en graxas. 

Consellos para conservar o queixo






O queixo ten unha conservación limitada e, se non o consumimos dentro do límite establecido, pode empezar a estragarse. Non obstante, existen algunhas técnicas de conservación moi eficaces que nos permiten manter os queixos en perfectas condicións durante máis tempo. As formas de conservación varían en función do tipo de queixo.

Os queixos frescos son os que tardan menos en estragarse. Por iso, recomendamos que unha vez abertos e sacados do seu envoltorio os reservemos nunha friameira ou en calquera envase con tapa. No fondo deste, poñeremos 4 capas de papel absorbente, como o de cociña, para que absorba o líquido que soltará o queixo. É necesario cambiar o papel todos os días para evitar malos cheiros.




Os queixos brandos que veñen en envases ou caixas consérvanse moito mellor no seu envase orixinal. Unha vez aberto, deberás cubrir a parte cortada con papel de plástico transparente, gardar o queixo na súa caixa e deixalo na neveira. Para os queixos brandos que non veñan en caixas nin envases con peche, o mellor é colocalos nunha bandexa de porexpan. É moi importante que non mestures os queixos e os conserves de xeito individual. Así, coloca o queixo brando sobre a bandexa e cúbrea por completo con papel de plástico transparente. Introdúceo no frigorífico. En xeral, este tipo de queixos adoitan ter un olor bastante forte que pode impregnar toda a nosa neveira, de maneira que, para evitalo, podes introducir a bandexa plastificada nun envase con tapa.

Os queixos duros ou semiduros, independentemente de se son tenros, curados ou semicurados, deben conservarse envolvidos en papel de plástico unha vez empezados. Pero non debes cubrir todo o queixo. Só terás que tapar co papel transparente a parte cortada, pois se o envolves por completo o queixo non poderá respirar. Resérvaos na parte máis baixa da neveira ou dentro dalgún caixón, afastado do conxelador.



TEMPERATURA:
Os queixos brandos requiren dunha temperatura de entre 3º e -7ºC para conservarse en perfectas condicións, mentres que os duros necesitan entre 7º e 12ºC. É por iso que estes últimos debemos reservalos na parte máis baixa da neveira, afastados do conxelador, onde a temperatura é máis alta.

Outra forma de conservar os queixos curados e semicurados é en aceite de oliva virxe. Podemos coller un recipiente, enchelo de aceite de oliva, gardar o queixo dentro e, se queremos, engadir herbas aromáticas como tomiño, loureiro ou romeiro. 



ANTES DE CONSUMILO:
Para que manteñan a súa textura e sabor, á hora de consumilos os queixos deben estar a temperatura ambiente. Por iso, é conveniente retiralos do frigorífico 1 hora antes de consumilos. É posible que a parte cortada presente unha lixeira capa de mofo se leva bastante tempo ou se endurecese. Non te preocupes por iso, só córtaa. O resto estará en perfectas condicións.

Por suposto, non esquezas consultar a data de caducidade para consumilos dentro do prazo. E despois destes consellos, só queda dicirche...
Bo proveito!

martes, 10 de marzo de 2015

Queixo, todo un mundo de beneficios


O queixo é un alimento que forma parte da nosa dieta. Case non existe ningún fogar onde non estea presente un bo queixo, pero realmente coñecemos cales son as súas propiedades? Este produto é un elemento importante dentro dunha alimentación completa e equilibrada, aínda que como todo nesta vida, o seu abuso pode ter efectos nocivos para o organismo.

Os expertos recomendan un consumo de aproximadamente uns 30 gramos de queixo diarios, unha cantidade que xa satisfai o aporte lácteo necesario para o organismo. 



A principal característica do queixo (en todas as súas variedades) é o alto aporte de calcio e de fósforo. Así, unha porción duns 100 gramos de produto equivale a uns 1.000 miligramos de calcio, cantidade que resulta en xeral suficiente para cubrir o requerimento diario deste mineral.

Aínda que non sempre se considerou así, o queixo é un alimento que convén consumir en todas as etapas da vida. Mentres os nenos poden combinar o seu consumo co do leite e incluso aumentalo ata unos 40 gramos diarios, para axudar á boa formación dos osos e os dentes, os adultos, que polo xeral adoitan tomar moito menos leite, atopan no queixo un excelente substituto para a conservación do seu esquelete e a prevención do desgaste óseo. Isto é especialmente importante nas persoas de máis idade, pola incidencia que nelas ten a osteoporose e o maior risco de sufrir fracturas de osos.

EMBARAZO E LACTANCIA 
As mulleres embarazadas tamén teñen no queixo un bo aliado para cubrir o maior requerimento de calcio que se dá ao longo do embarazo e durante o periodo de lactancia. O queixo, ademais, é un alimento que contén proteínas de moi boa calidade. Como sucede, por exemplo, no caso das carnes vermellas, este aporte proteico axuda a formar, reparar e manter os distintos tecidos do corpo.



Deste xeito, por exemplo, en 100 gramos de queixo parmesano existen ata 40 gramos de proteínas. Na mesma cantidade de queixo manchego curado, uns 36 gramos, aproximadamente, e no queixo azul, uns 21 gramos de media. Convén ter en conta que as persoas que xa consumen moitas carnes vermellas e graxas deberían limitar máis a inxesta de queixo, pois xa ten cubertas en grande medida as súas necesidades proteicas e non lles convén engadir novas graxas á súa dieta.

En canto ás vitaminas, no queixo atópanse as do grupo A, D, B12 y B2, que, entre outras moitas propiedades, protexen das infeccións, coidan a pel, axudan a mellorar a cicatrización e favorecen ademais o bo funcionamento do sistema nervioso.


GRAXAS DE ORIXE ANIMAL 
Con respecto ás graxas que aporta o queixo, é importante sinalar que estas son de orixe animal, o que significa que son saturadas e que o seu consumo excesivo está desaconsellado porque favorece a aparición de enfermidades cardiovasculares e o sobrepeso ou a obesidade.

De todos os xeitos, a opción máis saudable é elixir preferentemente os queixos frescos desnatados, precisamente polo seu menor contido graxo. Este consello é válido tanto para as persoas adultas como para os nenos, xa que neste tipo de queixos só ven modificado o seu contido graxo e conservan, en cambio, as vitaminas e minerais. En Prestes temos tres tipos de queixos frescos. Natural, á Pementa ou ás Finas Herbas. 




As persoas con problemas de intolerancia á lactosa ou alérxicas tamén teñen que ter un coidado especial co queiso, eliminándoo incluso da dieta se é necesario o en todo caso restrinxindo o seu consumo ou tomando unicamente aqueles que o seu organismo tolere sen xerar algún tipo de reacción adversa. No caso dos nosos queixos, todos, a excepción do Azul, teñen menos de 0,001 de lactosa, que é o que indica a lexislación española para poder etiquetar 'Sen lactosa'.